27 de febrero de 2014

Xornada de esquí de fondo na montaña ourensá



Onte pola tarde saimos en "comando rápido" en busca das neves máis recentes. Non fixo falta chegar a Manzaneda para por en práctica un deporte de inverno que nos agrada moito divulgar e que conta con grandes posibilidades nas nosas montañas: o esquí nórdico ou esquí de fondo.


Esta modalidade practícase en Ourense dende os primeiros tempos da chegada do deporte branco á nosa terra. Na serra de San Mamede, en Cabeza de Manzaneda e nas grandes montañas de Trevinca foi practicado con certa intensidade. Os campeonatos da Federacion Galega de Deportes de Inverno contaban ata  ben entrados os anos 80 con probas de competición desta especialidade, e nos campeonatos de España de esquí de fondo era asídua a  participación de deportistas ourensáns: senlleiramente veciños de Casaio de Valdeorras, cómo socios do club Pena Trevinca do Barco ou corredores do Club Alpino de Ourense.


Nalgunhas imaxes que de seguido podedes ver agóchase un antigo campión galego de esquí de fondo do derradeiro campionato celebrado en Fonte da Cova (montañas de Trevinca) naqueles anos. Nótase ben o seu depurado estilo: ¡O que tivo retivo!


















Dende a Sociedade Xeográfica Ourensá queremos seguir promocionando esta modalidade do esquí que pon en armonía a práctica deportiva co medio natural onde se desenvolve e que representa sobranceiramente os valores que reforzan o respeto e a defensa dos nosos grandes espacios.